CONSTRUCIÓNS INDUSTRIAIS
NO BORDO LITORAL



Info.


O proxecto Arquitectura Límite revisa e debate sobre o potencial do patrimonio arquitectónico industrial e as paisaxes industriais situados ao longo da costa da provincia da Coruña. Para tal fin, preséntase un inventario xeral de bens, do que se destaca unha escolma con exemplos presentados mediante fotografías e un pequeno análise de cada un, así como a realización de composicións en 3D que axuden a comprender mellor a súa estrutura e a súa adecuación á contorna.

O obxectivo de resaltar esta selección de inmobles é facer fincapé na súa singularidade; no seu valor histórico e arquitectónico e na importancia da súa conservación e difusión, contribuindo a evitar o seu deterioro ou desaparición. A toma de fotografías cun vehículo aéreo non tripulado pretende reforzar de xeito visual, cunha estética moi coidada, a idea principal do proxecto, é dicir, afondar no análise das arquitecturas industriais que se sitúan no bordo costeiro, como se axeitan ao territorio, onde o mar o condiciona todo, ao tempo que se ofrece unha perspectiva novedosa de difundir o patrimonio neste tipo de proxectos culturais.  


Fotografías ︎︎︎ David García-Louzao























DESEÑO E CONCEPTO VISUAL: NOVAGARDA















ESTALEIRO DE CIPRIANO DOMÍNGUEZ
[OUTES]

A morfoloxía da costa galega, na que as rías a recortan con entrantes e saíntes, favorece o asentamento de oficios tradicionais vinculados ao mar, como é o da carpintería de ribeira. A ría de Muros e Noia é a zona de Galicia onde se conserva o maior número de estaleiros tradicionais ou do que queda deles. No caso do Estaleiro de Cipriano Domínguez, foi el quen en 1942 continuou facendo embarcacións de madeira na enseada de Broña (Outes), como xa fixeran seu avó e seu pai. Deste ano data a construción trapezoidal, diáfana no interior para facilitar o traballo, levántase sobre un muro de pedra, que corta o vento, e unha estrutura de madeira. Este tipo de edificacións presentaban na contorna outras infraestruturas como rampas ou muros litorais para facilitar actividades como as botaduras ou serradoiros.